O xogo galego After Juice estréase en acceso anticipado

mércores, 7 de xaneiro do 2026 Marcus Fernández

O estudio de videoxogos galego Virtual Seed permite xa a compra do seu o xogo After Juice: Animal Disco Mafia, unha aventura gráfica con moito humor protagonizada por animais antropomorfos nunha noite de xoves universitario que pode adquirirse en acceso anticipado por un prezo promocional de 4,79 euros.
Este traballo é froito do esforzo dos alumnos da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Danae Romero Sánchez, Sofía González Rodríguez, Ariadna Carla Mato Nieto, Antonio José Leis Iglesias, Pedro Hernandez Crespo, Alejandro Carpente Porral, Ramón Torres Chávez e Marcos Parada Gil unidos baixo o selo Virtual Seed, e aínda que estamos ante un xogo que está en pleno desenvolvemento, o acceso anticipado permite aos entusiastas gozar dunha experiencia bastante completa e vivir en primeira persoa os últimos pasos da creación desta orixinal aventura.
After Juice convídanos a encarnar a Tofu, un pequeno hámster universitario nunha descontrolada noite universitaria na cidade de Furrol, onde as gominolas, os zumes, o chocolate a outras larpeiras serán as que leven aos animais a descontrolarse. O que comeza como unha noite de troula desemboca nun misterio surrealista que desenredar.
No xogo, galardoado na categoría de creación de videoxogos da última edición do certame Xuventude Crea, atoparemos morcegos poetas, toupas conspiranoicas, ras influentes, pingüíns liorteiros, coellos pinchadiscos... toda unha sorte de fauna coa que conversar para obter pistas o simplemente vivir momentos absurdos. Tamén haberá que superar minixogos para mellorar a marca persoal de Tofu.
Un título bastante curioso e orixinal do que non podemos esquecer o detalle de que chegará con textos e voces en galego. Que dubide se facerse co xogo, en Steam teñen dispoñible unha versión de demostración.

Tráiler do acceso anticipado do xogo