O xogo galego Tiny Garden estrea demo

luns, 24 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

O estudio de videoxogos galego Ao Norte conseguiu financiar con éxito a través de Kickstarter o seu vindeiro xogo, Tiny Garden, o pasado verán, e tras meses de traballo veñen de estrear en Steam a súa versión de demostración, dispoñible en varios idiomas entre os que non falta o galego, e que permite achegarse á experiencia que ofrecerá o xogo final que ten previsto o seu lanzamento o 8 de abril.
Tiny Garden é un xogo que mestura granxas, quebracabezas e exploración, dentro dunha especie de xoguete no que temos que facer medrar vexetais até chegar a un florido xardín, conseguindo polo camiño mobles de xoguete para decorar o noso propio espazo. Temos así unha sorte de xogo relaxante co que pasar o tempo descubrindo os seus moitos detalles e creando sen presións xirando a manivela para que avance o tempo no noso pequeno xardín.
Tamén está previsto que o xogo conte con versión descargable para Nintendo Switch, aínda que non detallaron cando será tal lanzamento.

En Tiny Garden hai que xirar un manubrio para que avance o tempo
Tiny Garden pode xogarse en galego

Vídeo promocional da campaña de micromecenado de Tiny Garden