O xogo para móbiles de Resident Evil estará ambientado nun universo paralelo

venres, 11 de xullo do 2025 Redacción

JoyCity anunciou este 11 de xullo o lanzamento oficial e o comezo da campaña de rexistro anticipado de Resident Evil Survival Unit nas tendas de aplicacións para Android e para iOS, un novo xogo para móbiles desenvolvido en colaboración coa compañía xaponesa Aniplex e baseado no universo de Resident Evil, a recoñecida franquía de Capcom.
Este novo título aposta por un enfoque estratéxico ambientado nun mundo paralelo ao da historia orixinal. Mantén o espírito da saga pero introduce unha narrativa inédita que combina mecánicas de supervivencia, planificación táctica e un alto nivel de inmersión.
Durante a presentación oficial en liña, JoyCity revelou detalles clave do xogo: os xogadores acompañarán personaxes icónicos da serie como Leon, Claire ou Jill nunha loita pola supervivencia nun entorno hostil e cambiante. A historia comeza cando o protagonista esperta nun hospital e debe fuxir, nun contexto onde tamén se integran elementos como a xestión dun campamento base, o comercio con personaxes clásicos como o mercador de armas, e outras situacións recoñecibles polos seareiros da saga.
Un dos principais atractivos será a participación do prestixioso artista Yoshitaka Amano como deseñador convidado. Amano contribuíu co deseño dunha nova criatura orixinal chamada Mortem, que xa xerou expectación entre a comunidade de xogadores.
Resident Evil Survival Unit ten previsto un lanzamento global simultáneo na segunda metade de 2025.

Vídeo de presentación do xogo