Obama anúnciase no videoxogo Burnout Paradise

martes, 14 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Algúns usuarios xa percibiron a presenza da publicidade política no xogo de EA para Xbox 360

Algúns usuarios do xogo de carreiras Burnout Paradise para Xbox 360 detectaron nos pasados días que nas pancartas publicitarias que aparecen nas rúas virtuais inclúe anuncios promovendo a candidatura de Barack H. Obama á presidencia dos EE.UU., o que finalmente confirmou a directora de comunicación corporativa de Electronic Arts, Holly Rockwood.
A voceira de EA declarou a GigaOM que «como a meirande parte das canles de televisión, cadeas de radio e medios impresos, aceptamos anuncios de candidatos políticos» o que non quere dicir que a empresa de videoxogos teña algunha tendencia política ou relación cos partidos que anuncie.
De todos os xeitos resulta curioso que os responsables da campaña de Obama empreguen os videoxogos coma medio, pois o político nun dos seus discursos en Ohio asegurou que «Investirei en educación. Asegurarémonos de que o Goberno ampare ás escolas. Pero iso non servirá para moito se os pais non apagan os televisores e afastan os videoxogos para facer que os nosos cativos fagan os seus deberes». Parece que a mensaxe que quere lanzar o político é un tanto contraditoria.

PUBLICIDADE