Ofrecen de balde unha versión para ZX Spectrum de Donkey Kong

xoves, 6 de marzo do 2025 Marcus Fernández

A nostalxia que espertan plataformas informáticas retro como o ZX Spectrum levan a que aínda haxa que desenvolva xogos para as mesmas, e hai uns meses dentro da colección Arcade ZX Collection, que recollía conversións de varios xogos de máquinas recreativas ao ZX Spectrum recollía unha curiosa adaptación do Donkey Kong, que podía adquirirse en casete e en formato dixital, e que o seu desenvolvedor, Artonapilos, está a ofrecelo de balde para a súa descarga.
Deste xeito calquera que conserve un ZX Spectrum operativo ou goce dos xogos de Spectrum mediante emulación, pode gozar dunha versión de Donkey Kong que non ten relación algunha con Nintendo, pois trátase dun desenvolvemento realizado como afección, que nas últimas recibiu varias melloras como música de fondo e unha animación final.
Estamos ante un traballo moi coidado, que consegue superar con bastante acerto as dificultades presentes no Spectrum para o tratamento da cor, e presenta o Donkey Kong de Nintendo con fidelidade, o que sorprende para un primeiro traballo directo en código ensamblador por parte do seu desenvolvedor.

O xogo está incluído nunha colección de títulos para ZX Spectrum que adaptaban clásicos dos salóns recreativos

Vídeo no que podemos ver o xogo en acción