OpenSocial: Google xunta a varias redes sociais baixo varias API comúns

venres, 2 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Levamos semanas escoitando rumores sobre unha nova rede social de Google, pero a empresa de Brin e Page sorprendeunos cunha iniciativa que vai moito máis aló: OpenSocial. A plataforma para competir co éxito de Facebook non é dunha nova rede social, senón que se trata dun conxunto de API para a construción de aplicacións sociais baseadas na web de xeito que os programadores poidan facer solucións que funcionen en distintos servizos da web social, facendo moito máis doado o seu desenvolvemento.
As API de OpenSocial non se limitarán á rede social de Google, Orkut, senón que outras coma Xing, Bebo, LinkedIn, SixApart, Friendster, Hi5 ou mesmo MySpace que comezarán a facer uso das mesmas, de xeito que os desenvolvedores poderán facer servizos para todas á vez, incrementando a súa base de usuarios de xeito importante ata superar os 200 millóns en todo o mundo.
OpenSocial non supera a Facebook só en base de usuarios, senón que tamén destaca pola facilidade de uso, xa que non está restrinxido a unha única linguaxe de etiquetado (de xeito que tamén se aforran a aprendizaxe de creación de solucións para cada rede social), e nos seus comezos xa permite que os programadores poidan usar 3 API: información de perfil (datos do usuario), información dos amigos (gráfico social) e actividades (cousas que acontecen).