Oportunidades europeas para o audiovisual galego centran unha nova sesión do ciclo Galicia ProFilme
xoves, 24 de abril do 2025
Profesionais do sector audiovisual galego participaron hoxe na Cidade da Cultura nun encontro co director da Oficina MEDIA España, Peter Andermatt, no que se exploraron as oportunidades que o programa MEDIA da Unión Europea ofrece a proxectos audiovisuais e de videoxogos. A sesión enmárcase dentro do ciclo formativo Galicia ProFilme, impulsado pola Xunta de Galicia, e contou coa presentación inicial de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).
Durante a xornada desenvolveuse un exercicio práctico dirixido a avaliar o potencial de internacionalización de proxectos e produtoras, así como a identificar estratexias para colaborar coa fundación cultural MEDIA, co obxectivo de optimizar o acceso e aproveitamento dos seus recursos.
A sesión incluíu tamén unha intervención da guionista galega Lidia Fraga, quen presentou a nova plataforma de networking en liña do European Writers Club, iniciativa europea centrada na escrita audiovisual.
