Orange equipa con conexións ultrarrápidas 811 centros docentes públicos da nosa terra

martes, 20 de marzo do 2018 Redacción

O presidente da Xunta recibiu ao conselleiro delegado de Orange España

O operador de telecomunicacións Orange vai dotar de conexións de máis de 100 Mpbs a 811 centos educativos galegos de Primaria e Secundaria. Así o asegurou hoxe o delegado da compañía en España, Laurent Paillassot, nunha xuntanza co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que o responsábel de Orange fixo un percorrido polos traballos desenvolvidos ao abeiro de Escolas Conectadas, o proxecto para equipar os ámbitos docentes con redes ultrarrápidas do que a firma Orange resultou adxudicataria.
Escolas Conectadas, como lembraremos, desenvólvese na nosa terra grazas ao traballo conxunto de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Ministerio de Educación, Cultura Deporte e Red.es, a entidade estatal responsable da licitación.
Durante a reunión, Paillassot comunicou que Orange está neste intre abordando a fase final do proxecto, que prevé completar en abril os traballos nos últimos 22 centros, dun total de 811. Segundo lembrou, os labores levados a cabo permitirán que o 63% destes centros dispoñan de velocidades de 500 Mbps e o 37% restante de 150 Mbps. Ademais, recordou que Orange achegará tecnoloxía sen fíos (Wi-Fi) a 400 centros e a Xunta a outros 400. O investimento público destas actuacións xunto co custe do mantemento das liñas supoñen un orzamento de 19,7 millóns de euros.
A Xunta farase cargo do mantemento das liñas, unha vez que se complete a fase de validación dos centros, que garante que as velocidades de conexión son as estipuladas nos pregos.
Desde a Xunta trasladóuselle a operador “a necesidade de acurtar os tempos de resposta ante as posíbeis incidencias técnicas nas conexións”.
Respecto dos obxectivos xenéricos da compañía en Galicia, o conselleiro delegado do operador sinalou que a finais de 2019 a compañía terá investido na nosa terra “máis de 92,5 millóns de euros no despregue da súa rede”, acadando “unha cobertura aproximada do 53% sobre o conxunto de vivendas principais da Comunidade galega, distribuídas en 40 municipios”. Paillassot tamén fixo saber que de maneira complementaria, a compañía de telecomunicación destinou xa 202 millóns de euros para despregar a tecnoloxía móbil 4G no territorio da Comunidade, aos que se sumarán outros 5,3 millóns máis este mesmo ano para completar o despregue destas redes.

PUBLICIDADE