Orange estrea descodificador 4K

mércores, 26 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Os operadores de telecomunicacións con oferta televisiva están a esforzarse para pór ao día a súa tecnoloxía audiovisual para o que precisan renovar os seus descodificadores, e tras subir ao carro da ultra alta definición Vodafone e Euskaltel, chega agora Orange presentando o seu novo descodificador 4K de altas prestacións para Orange TV, que facilitará o acceso a contidos coa máxima calidade de imaxe e son.
O novo descodificador 4K integra un sintonizador de TDT de última xeración e unha nova e mellorada interface gráfica a través da que pódese acceder ás canles premium de cine e series, ao fútbol, ás series á carta e a completo videoclub. No que a contidos en ultra alta definición se refire, inicialmente teñen tanto canles lineais (Fútbol 4K, Canal Cocina 4K, Odisea 4K...) e cine de estrea no videoclub. O descodificador tamén inclúe aplicacións de terceiros como Wuaki TV e Netflix.
Este novo dispositivo funciona tanto para redes de fibra e ADSL, e ofrecerase de balde aos clientes de Orange TV, servizo que vén de estrear a funcionalidade Últimos 7 Días, que permite acceder aos contidos emitidos por televisión na última semana dende o descodificador e outras plataformas compatibles con Orange TV (como smartphones, tabletas, ordenadores e algúns televisores).
Outra interesante novidade de Orange TV é que veñen de estrear aplicación para Android TV, de xeito que a súa oferta audiovisual estará dispoñible directamente en televisores co sistema operativo de Google (de marcas como Sony, Philips ou Sharp) e a través de distintos dispositivos externos (como a Mi Box de Xiaomi ou a consola nVIDIA SHIELD).

PUBLICIDADE