Orange lanza en España a súa rede 5G SA
luns, 13 de febreiro do 2023
A chegada da 5G a
España foi unha decepción para moitos consumidores, tanto polo lento
espallamento da súa cobertura como polas prestacións moi inferiores ao anunciado,
xa que a 5G que implantaron é Non Stand Alone, ou sexa, dependente da
infraestrutura das redes 4G, pero en breve imos ver como é a 5G de verdade,
pois Orange está a
completar a despregadura da 5G SA (Stand Alone) nas cidades de Madrid,
Barcelona, Valencia e Sevilla.
Ao longo de 2023 irán incorporando novas poboacións á 5G SA, tecnoloxía que
promocionarán como 5G+ para diferenciala da decepcionante 5G actual. Orange
convértese así nun dos primeiros operadores de telecomunicacións en lanzar a 5G
SA en Europa.
A 5G+ supón unha mellora da cobertura en interiores (grazas ao uso de bandas nativas
5G), unha redución da latencia, menor consumo, soporte para maior número de
dispositivos conectados e incluso maior seguridade. Orange tamén salienta na
súa aposta pola 5G que é o operador co maior espectro na banda de 3,5 GHz, a
prioritaria para ofrecer maiores velocidades.