Organizan un obradoiro de Pixel Art na Coruña

martes, 20 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

O colectivo Monkey Laboratory (MoLab) nacido na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña vai celebrar o vindeiro venres a partires das 16:00 horas no laboratorio 1 do mencionado centro un obradoiro de introdución ao Pixel Art. Esta actividade aberta a calquera interesado está prevista para a participación de até 20 persoas (límite ampliable) ás que recomendan levar un ordenador de seu cunha aplicación de edición de imaxe (Photoshop, GIMP, Aseprite... para facilitar a transformación do personaxe que desexen en pixel art.
Lembremos que o pixel art é unha forma de arte dixital na que as imaxes edítanse punto a punto, buscando principalmente emular a aparencia que tiñan os videoxogos para videoconsolas de 8 e 16 bits, que tiñan unhas resolucións gráficas moi reducidas e un número de cores bastante limitado. Este tipo de creacións consegue certo toque retro a creacións modernas, e aínda que é frecuente que se empregue para o desenvolvemento de xogos independentes por precisar de reducidos recursos, non son poucos os casos nos que estamos ante unha elección estética totalmente consciente que resulta moi acaída á hora de homenaxear a xogos clásicos ou para recuperar xéneros e formatos de xogo propios de décadas pasadas.

PUBLICIDADE