Origin ofrece de balde o xogo Dead Space

mércores, 14 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Cada certo tempo a tenda de xogos descargable para PC de Electronic Arts, Origin, renova os xogos que ofrece de balde dentro da sección Invita la casa para animar aos usuarios a coñecer esta plataforma de videoxogos (que ten bastante difícil a competencia con Steam), e estes días o título que ofrecen de balde é bastante recomendable: Dead Space.
Deste xeito, calquera usuario de Origin pode incorporar á súa colección dixital Dead Space sen pagar un can, para así gozar dunha aventura de supervivencia no espazo, onde haberá que abrirse camiño entre hordas de necromorfos (zombis alieníxenas híbridos) empregando ferramentas de minería para loitar contra a ameaza.
Este título foi toda unha sorpresa, que callou fondo no público, dando pé a unha saga con 3 entregas principais e varios spin-offs, que demostraron o acerto desta proposta que, entre outros detalles, destacaba por unha interface de usuario moi limpa, fuxindo de información superposta en pantalla.

Dead Space sorprendeu no seu día coa súa limpa interface de usuario