Os 10 xogos Flash máis adictivos

mércores, 7 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Dende Cnet fixeron unha selección cos 10 xogos Flash máis adictivos que podemos atopar na web, e a verdade é que resulta realmente impresionante, pois non se trata dos xogos máis traballados e impresionantes, senón que son os que máis enganchan ós seus usuarios, tendo que recoñecer que algúns son uns auténticos asasinos da produtividade laboral.
Os xogos destacados son Bejeweled (xogo no que hai que mover pezas para formar grupos de 3 iguais, que xa é un clásico do máis puro estilo Tetris), Chigam (xogo de lanzamento de mocos a xeito de mata-marcianos), Bow Man (xogo de tiro con arco cunha aparencia moi simple pero sumamente adictivo), Desktop Tower Defense (consiste en colocar canóns en posicións estratéxicas para defender posicións), Neopets Hasee Bounce (uns simpáticos seres teñen que sincronizar os seus saltos para pillar a froita da que máis gustan), Line Rider (ferramenta de debuxo de pistas a xeito de tobogáns), The Last Stand (xogo de matar mortos viventes), Portal (xogo de plataformas nas que usuario pode abrir portais para evitar atrancos físicos), The Helicopter Game (manexo dun helicóptero esquivando obstáculos) e YetiSports (curioso xogo no que o abominable home das neves debe batear pingüíns o máis lonxe posible).
Tras botar unhas partidas a estes xogos hai que recoñecer que a meirande parte son sumamente viciosos, polo que non podemos recomendar o seu uso durante a xornada laboral se non se quere acabar tendo problemas para cumprir coas tarefas diarias.

PUBLICIDADE