Os Bolechas interactuarán coa cativada a través da canle de YouTube da TVG

venres, 17 de decembro do 2021 Redacción

A CRTVG buscará este Nadal a participación e diversión dos máis pequenos da casa coa incorporación de novos contidos infantís á súa oferta dixital, de acordo coas tendencias actuais de consumo. Os personaxes da serie infantil da Televisión de Galicia Os Bolechas chegarán cada día destas festas, en streaming á canle YouTube da TVG e á hora da merenda (17.00 horas) para interactuar coa cativada a través dun chat e aprenderán divertíndose en galego. A app Xabarín TVG e a web da CRTVG sumarán, amais, novas series de animación á oferta do Xabarín Club.
Entre o 20 de decembro e o 7 de xaneiro, e de luns a venres, Merenda cos Bolechas este Nadal buscará vía streaming a complicidade e a participación dos nenos e nenas, os auténticos protagonistas desta iniciativa lúdica, con contidos ideados desde unha perspectiva pedagóxica e didáctica. Ademais da intervención dos Bolechas e de distintos actores, cada tarde pasarán por esta serie persoas de interese, tanto famosas (músicos, actores, deportistas...) como anónimas, para abordar diversas temáticas. Nas xornadas de Noiteboa e Aninovo, a cita en liña cos Bolechas será ás 12.00 horas do mediodía.

Preto de 700 novos episodios de animación

A oferta dixital do Xabarín Club medrará tamén a partir deste luns con dez novos títulos de animación, que incrementarán en preto de 700 episodios o entretemento infantil en galego da app Xabarín TVG e a web da CRTVG.
Nunha primeira quenda de estreas, enfocadas a un público infantil, achegarase este Nadal Best Ed, unha proposta canadense que narra as aventuras dun can entusiasta chamado Ed e do seu mellor amigo, o esquío Buddy. Pola súa banda, en Banana Cabana, un grupo de estrafalarios animais, liderado polo excéntrico can Howie, rexenta un hotel no Caribe e vive disparatadas peripecias. Nas aventuras da estadounidense Rocky and Bullwinkle, os personaxes principais son un divertido dúo formado por un esquío voador e un alce, e en Yakari 1, 2, 3, serie baseada no cómic homónimo francobelga, unha das historietas do oeste máis coñecidas en Europa, onde un neno síux ten a habilidade de falar cos animais.
E no primeiro trimestre do vindeiro ano, o Xabarín Club lanzará unha nova remesa de series de animación integrada por Os misterios de Alfred Hedgehog, A princesa Sheherezade, Calimero e Narigola, e tamén polos novos capítulos de dous referentes do anime, como son Kiteretsu e Keroro.

PUBLICIDADE