Os Chromebooks poderían funcionar con Windows 10 grazas a Campfire

luns, 13 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Os Chromebooks son interesantes equipos portátiles co sistema operativo Chrome OS de Google, orientados á nube, pero non é ningunha novidade que sexan ordenadores portátiles ordinarios e de feito, os Lenovo 100e/300e comercialízanse con Chrome OS ou con Windows 10, pero tal capacidade de elección depende até agora do fabricante e non do consumidor final, o que podería mudar en breve xa que xurdiron evidencias do proxecto Campfire, que permitiría o inicio dual nos Chromebooks.
Este proxecto de Google sería o equivalente ao Boot Camp de Apple, de xeito que equipos con Chrome OS poderían gozar tamén dun sistema de inicio dual que permitise tamén que operasen con Windows 10, que actualmente estaría a probarse co Pixelbook de Google, pero que podería chegar a moitos outros equipos nos que a principal limitación sería a capacidade de almacenamento dos portátiles, xa que a meirande parte dos Chromebooks veñen con unidades de almacenamento moi cativas (xa que non precisaban máis ao estar orientado o seu uso aos servizos na nube de Google).
Ao parecer, Campfire precisaría dun mínimo de 40 GB para a súa instalación, para poder repartir a capacidade de almacenamento en 30 GB para Windows 10 e 10 GB para Chrome OS.
Esta novidade sería moi ben recibida polos usuarios, xa que non só daría unha maior versatilidade aos equipos, senón que tamén implicaría que, no caso de que nun futuro deixasen de recibir soporte por parte de Google, terían unha alternativa para manterse funcionais. Tamén é probable que esta nova funcionalidade permita instalar Linux ou Android nalgúns equipos.

PUBLICIDADE