Os Electrecos conciencian á cativada na reciclaxe de trebellos electrónicos

venres, 7 de decembro do 2018 Redacción

Co obxectivo de sensibilizar á comunidade escolar na necesidade de reciclar os aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), os Superheroes da reciclaxe recrutarán ao longo deste mes a máis de 2.300 escolares para conciencialos no da importancia de dar un tratamento axeitado a este tipo de refugallos.
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de poñer en marcha unha campaña de sensibilización para reciclar os RAEE), que no mes de decembro visitará máis de 50 centros educativos de educación infantil e primaria, que se elevarán a 350 ao longo do actual curso escolar.
Esta mesma semana (o luns 3, martes 4 e mércores 5) tamén visitaron os seguintes centros: CEIP A Cristina (Carballo), CPI Plurilingüe de Fonte-Díaz (Touro), CEIP de Tenorio (Cerdedo-Cotobade), CEIP do Carballal (Marín), CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro), EEI San Roque (Viveiro), CEIP Padre Feijoo (Allariz), CEIP Xoaquín Lourenzo Xocas (Bande), CEIP Plurilingüe Curros Enríquez (Celanova), CEIP Santa María (A Fonsagrada), CEIP de Cervo (Cervo), CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo), CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove), CEIP Plurilingüe Sobreira-Valadares (Vigo).
Para acadar que as novas xeracións de galegos teñan coñecemento da importancia da reciclaxe dos residuos e, concretamente, dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, trasladaráselle dunha maneira amena e moi didáctica a través das personaxes dos Bolechas, pautas e coñecementos para o correcto tratamentos dos residuos.
Os Bolechas (personaxes moi coñecidos para a cativada galega desde hai case dúas décadas) converteranse nos Electrecos, nos superheroes da reciclaxe de RAEE; polo que Ecocarlos, Ecobraulio, Ecopili, Ecololi, Ecosonia, Ecotatá e, como non, Ecochispa serán os encargados de recrutar superheroes da reciclaxe.
Contarán cunha gran variedade de materiais de todo tipo: contos, teatro, audiovisuais, xogos, unidades didácticas, cadernos de exercicios, adhesivos, folletos etc....co obxectivo de formar un gran movemento de superheroes da reciclaxe e defensores do planeta.
Xunto coas visitas presenciais, ponse en marcha unha área virtual con material informativo e didáctico, así como xogos e actividades para que todos os centros educativos da comunidade poidan traballar este tema.
Todas as propostas dos Electrecos van destinadas a ensinar, dunha forma didáctica pero divertida, como se deben tratar os RAEE. Trátase de que, mediante unha información adecuada e amena, a través do xogo, a experimentación e o traballo en equipo, as nenas e os nenos se convertan nos maiores defensores do planeta a través do correcto tratamento dos RAEE.
Unha ambiciosa acción destinada a xestionar mellor un tipo de residuos en aumento na nosa contorna, pero tamén para insistir na importancia da correcta xestión de todo tipo de residuos, nas boas prácticas de consumo e na responsabilidade que temos como individuos e como sociedade na sustentabilidade medioambiental.
Esta iniciativa (que conta coa colaboración e apoio de RAEE), está enmarcada dentro da campaña Oqueseenchufarecíclase, que ten por obxectivo concienciar á sociedade galega na necesidade de mellorar as prácticas de reciclaxe e tratamento deste tipo de residuos.

PUBLICIDADE