Os Espazos Xoves acollerán o primeiro torneo autonómico de League of Legends

luns, 23 de setembro do 2019 Redacción

A Consellería de Política Social promove o coñecemento, a formación e o lecer ao redor dos videoxogos a través da organización do primeiro Torneo Autonómico de League of Legends. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentou esta iniciativa o pasado sábado no Espazo Xove de Noia acompañada por representantes da Asociación Xuvenil La Grotta, que se encargarán de xestionar in situ o programa. Trátase dun proxecto pioneiro en Galicia que terá lugar nos 12 Espazos Xoves xestionados pola Xunta (nos concellos de Lalín, Noia, Vilalba, Vilagarcía, Pontedeume, Chantada, Viveiro, Betanzos, Ourense, Carballo, Tui e Curtis), co fin de favorecer a participación da mocidade da zona e da contorna próxima.
Antes do inicio de cada unha das competicións organizarase unha dinámica formativa centrada no coñecemento e uso responsable dos videoxogos. Posteriormente dará comezo o encontro, cuxo número de equipos dependerá da poboación do concello onde se sitúa cada Espazo Xove. Deste xeito, nos concellos con máis habitantes poderán participar ata un máximo de catro equipos, mentres que nos de menos poboación a competición será entre dous equipos. Cada equipo estará conformado por cinco integrantes, dos cales unha persoa actuará como capitán.
Tras esta fase inicial, os 16 equipos clasificados participarán nunha fase final, cuxa data e lugar de celebración será determinado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. En todo caso, esta última fase terá lugar en fin de semana e os gastos de manutención e aloxamento correrán a cargo da Xunta de Galicia.
Para participar neste programa hai que ter entre 18 a 30 anos de idade e organizarse en equipos de 5 persoas (con até 5 suplentes). A inscrición está aberta e aceptaranse equipos até chegar aos 32.

PUBLICIDADE