Os Microsoft Points convértense hoxe en euros na Xbox 360

luns, 26 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Microsoft anuncia que hoxe comeza a publicación da actualización de outono para a Xbox 360, que entre as súas novidades destaca por facilitar que o contido do Bazar de Xbox LIVE poderá adquirirse na nosa moeda local en vez de ter que empregar Microsoft Points, conseguindo así unha maior transparencia á súa política de prezos e evitando os problemas de acumular saldo residual nas nosas contas de usuario.
Para facilitar esta transición, o saldo actual en puntos que teñan os usuarios converterase de xeito automático á súa moeda local, de xeito que os usuarios españois poderemos empregar o euro nas nosas transaccións, incorporándose un saldo lixeiramente maior ao doutros mercados para compensar o IVE que haberá que pagar cando fagamos efectiva unha compra cos nosos cartos electrónicos.
Para deixar claros os cambios no sistema de contas de Microsoft publicaron unha selección de preguntas máis frecuentes nas que clarexan que a partir de agora os Microsoft Points converteranse sempre nun importe igual ou maior ao seu equivalente en euros, beneficiando sempre ao usuario. O saldo agregado de xeito automático no proceso de migración caducará o 1 de xuño de 2015, e non só poderá empregarse na Xbox 360, senón tamén dende móbiles con Windows Phone 8.
Dende Microsoft tamén subliñan que este cambio de política non supón a suspensión da comercialización de tarxetas de regalo de Xbox, só que a partires de agora, en vez de amosar o seu valor en Microsoft Points, presentarán o seu prezo real en euros (as tarxetas á venda con Microsoft Points continuarán a poder empregarse ata que se indique o contrario).
ACTUALIZACIÓN: Os contidos que quedaban no Bazar de Xbox LIVE co seu prezo en Microsoft Points amosan agora o seu prezo en euros, de xeito que os produtos que antes custaban 400 puntos, agora custan 4,79 euros, os de 800 puntos véndense agora a 9,49 euros, os de 1.200 puntos a 14,39 euros e os de 1.600 puntos a 18,99 euros. En todos os casos o cambio beneficia lixeiramente ao usuario final fronte á política de prezos anterior.