O vindeiro domingo pola noite vai celebrarse a gala de entrega dos Óscar, un dos espectáculos cun maior seguimento en directo a nivel mundial, que este ano vai ter unha importante novidade: será posible ver a retransmisión do evento a través de streaming dende a web e distintas aplicacións oficiais da ABC, aínda que cómpre destacar que tal posibilidade non estará aberta ao público en xeral senón a espectadores verificados, ou sexa, aos que xa son clientes do servizo de televisión de pagamento que retransmite a gala do xeito tradicional, polo que o streaming sería un complemento para eles, que poderán despegarse do televisor e incluso poder gozar da gala en mobilidade de xeito legal e cunha calidade garantida.

Esta cobertura en liña tamén incluirá un seguimento da conversa en redes sociais sobre os Óscar, incluirá galerías fotográficas e, en definitiva, complementarán a experiencia televisiva en consecuencia cos hábitos de consumo actuais. Tamén esforzaranse para ofrecer vídeos cos momentos máis destacables da emisión ao pouco da súa emisión, para que poidan compartirse na web.
Sen streaming en España
En contraste con este despregamento nos EE.UU. en España temos que a cerimonia será exclusiva de Canal+ 1, e en vez de apostarse pola Rede de xeito tan decidido como nos EE.UU., optouse por unha oferta multi-canle máis tradicional, de xeito que, aparte da retransmisión oficial, tamén ofrecerán paralelamente catro sinais nos diais 190, 191, 192 e 193 que corresponderán ao sinal da ABC, a alfombra vermella/Mapadefans, Spoiler Hotel (especial con blogueiros de moda e cine) e o control de realización de Canal+. Deste xeito, os usuarios de Yomvi quedarían sen a oportunidade de poder gozar dos Óscar nos seus dispositivos móbiles.
