Os Oscar renovan a súa imaxe na Rede
xoves, 8 de xaneiro do 2009
A Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de
Hollywood vén de presentar oficialmente a renovación da súa páxina web, que agora inclúe, entre outras
cousas, contidos multimedia, acceso a arquivos e ligazóns a unha canle propia
en YouTube.
Despois de oito meses de intenso traballo, o portal vese agora
máis moderno e completo, xa que aumentou o seu volume de contidos considerablemente
e abriu un acceso virtual aos arquivos de películas e guións que constaban na
base de datos da organización.
Este cambio permítelle aos fans dos premios realizar tarefas
nunca antes posibles na antiga web, tales como, coñecer os segredos mellor
gardados da Academia, saber as opinións persoais dos membros da institución ou revivir
a entrega das estatuillas aos antigos gañadores a través de vídeos en liña.
Din os seus responsables que o sitio “é un máis que extenso homenaxe aos Premios da Academia”, onde os
visitantes poden descubrir, ademais de unha gran cantidade de películas e
guións arquivados, programas educativos dirixidos a xoves directores, material
gráfico de vindeiras exhibicións da Academia (como por exemplo algún bosquexo de
Fellini que se atopa actualmente en exposición) ou as persoas que votan nos
Oscars por medio de vídeo.

- A Academia tamén conta con canle en YouTube
Botando unha primeira
ollada, descubrimos que o portal inclúe, asemade, fotografías históricas de
tódalas edicións dos Oscar, dende Clara Bow a Javier Bardem, así como varias
coleccións privadas de pósters clásicos, como o de Margaret Herrick.
Canle propia en YouTube
A Academia ten agora a súa propia canle no popular sitio de
descargas de vídeos YouTube, onde os internautas máis cinéfilos poden revivir
momentos clásicos dos Oscar como o premio que Marlon Brando nunca recolleu polo
seu papel de Don Corleone en El Padrino (no seu lugar enviou á apache Sacheen Pequena Pluma en protesta pola
política dos Estados Unidos contra os nativos americanos) ou o ataque frontal
de Adrien Brody a Halle Berry na edición dos premios de 2003.

