Os Premios INCUVI Emprende distinguen apps de bus urbano e de reserva de instalacións deportivas

venres, 13 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Como en anteriores ocasións, as novas ferramentas dixitais pisan forte na sétima edición dos Premios INCUVI Emprende (Universidade de Vigo), que vén de resolver os seus once proxectos de emprendemento gañadores. As iniciativas, os seus nomes, responsábeis e obxectivos, foron dadas a coñecer hoxe polo reitor Salustiano Mato, que entregou os diplomas e as chaves das súas vindeiras oficinas (nos tres campus da UVigo) ás/aos impulsores destes proxectos. Amais de ferramentas dixitais (representadas sobre todo polas propostas Apptobus e ByGymApp), hai iniciativas centradas no deporte, na promoción lingüística, na cultura, na innovación docente, nas enerxías renovábeis, no aproveitamento forestal e no deseño téxtil e aplicacións móbiles. Seis das propostas irán dar a Vigo, tres a Ourense e as outras dúas a Pontevedra.
Mato felicitou aos emprendedores polo seu “empeño e creatividade, porque a través deste programa estades tentando fabricar un bo futuro para vós e levar o nome da Universidade polo mundo adiante a través das vosas ideas e dos vosos proxectos”. Asemade, aproveitou para facer balance do logrado até a data a través de INCUVI Emprende, que foi quen de impulsar 200 ideas innovadoras, “moitas delas xa consolidadas como empresa”.
A vicerreitora de Estudantes, Dolores González, foi a encargada de dar a coñecer os proxectos premiados, e tamén deixou marxe para facer reconto. Segundo fixo saber, dende 2011 o proxecto foi medrando e consolidándose ata estar presente nos tres campus cun programa permanente de asesoramento e formación. “Emprender é difícil, laborioso e incerto, por iso vos felicitamos, aos máis de 100 alumnos e alumnas que participaron nas sete edicións, algúns deles xa vivindo da súa empresa como Monet, Robotilab, Meigalabas, Micogalicia, etc.” recordaba.
As iniciativas que irán dar ao Campus de Vigo son: Last Pick (unha idea de negocio que consiste na posta en marcha dunha tenda en liña de zapatillas e produtos relacionados co baloncesto), Comprimir para Vivir (un proxecto que se basea no almacenamento de enerxía por medio de aire comprimido, Afouteza de Galicia (unha empresa que pon sobre a mesa a creación dunha planta de compostaxe que aposte pola transformación dos refugallos forestais en compostaxe ecolóxica), Galicia Posta (proxecto de promoción cultural e lingüística para crear unha serie de selos e postais, nas que se utilizaran palabras propias do galego, acompañadas, ademais, por unha representación gráfica do seu significado), PER Platform Education Researh (unha plataforma de servizos para que os profesores de secundaria poidan empregala tanto para compartir recursos educativos como apoio do traballo diario) e Apptobus (proposta de mercado que formula a idea dunha aplicación para atopar transporte interurbano de xeito doado e rápido).
Polo que atinxe aos proxectos que terán emprazamento no Campus de Ourense, son: Aproveitamento dos recursos forestais (que consiste en dar novas vidas rendíbeis a forestas autóctonas con criterios cen por cen ecolóxicos), Biolux (creación dun modelo de negocio que desenvolve e comercializa un novo prototipo de boia, incorporando a este microorganismos bioluminiscentes) e ReivindicARTE (que combina a xestión cultural e a intervención social, enxalzando o valor de artistas aínda descoñecidas en Galicia e difundindo o seu traballo na sociedade actual).
En Pontevedra, na sede da Asociación de Empresarios Novos (AJE), madurarán e impulsaranse as iniciativas Lira Tenue e ByGymApp. Lira Tenue é un proxecto que consiste na creación dunha marca téxtil de panos e fulares para mulleres e homes. ByGymApp, impulsada por Vladislav Shvets, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, busca crear unha plataforma dixital que sirva para reservar o dereito de uso das instalacións deportivas ou clases dirixidas dos ximnasios.
No acto de hoxe entregáronse tamén os premios INCUVI-Avanza, uns galardóns que pretenden apoiar os proxectos emprendedores da edición anterior que teñen “potencial e viabilidade para poder continuar co seu desenvolvemento”. Os gañadores recibirán 3.000 euros e asesoramento. Nesta terceira convocatoria o xurado elixiu Mediación Móbil no Campus de Vigo e Ouvir no de Ourense. Este céntranse en xerar unha acción transformadora para as persoas con diversidade funcional de todo tipo ofrecendo asistencia persoal. No caso de Mediación Móbil, que realizou o seu ano de pre-incubación no Campus de Pontevedra, achega unha app e unha web para ofrecer un servizo de mediación para empresas, organizacións e particulares que precisen resolver conflitos.

PUBLICIDADE