Os Premios María Luz Morales recoñecen un ensaio sobre a IA no audiovisual

martes, 12 de novembro do 2024 Redacción

A Academia Galega do Audiovisual fixo público os nomes dos galardoados na oitava edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. Nesta edición, premiáronse dous videoensaios e dous ensaios escritos, que recibirán un trofeo e unha dotación económica de 1.200 euros cada un, contribuíndo estes galardóns á configuración dun corpus de investigación en galego sobre o audiovisual que a comunidade investigadora valora especialmente.
A entrega de premios tivo lugar no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra e nela estiveron presentes Álvaro Pérez Becerra e Carmen Méndez, en representación da Academia Galega do Audiovisual; César Fernández Gil, deputado de Cultura da Deputación de Ourense; Iria Castro Fernández, deputada responsable da Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo; Xosé Penas Corral, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña; e Luis López Diéguez, presidente da Deputación de Pontevedra, institución anfitrioa da presente edición.
Queremos destacar especialmente o galardón ao Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional, que recaeu en Resurrección dixital e deepfakes. Os desafíos da intelixencia artificial nun audiovisual hiperreal de Manuel Barreiro Rozados, ao valorarse esta aproximación á intelixencia artificial como «interesante por canto advirte derivadas políticas, económicas, éticas ou ambientais sen caer no derrotismo e con administrada ironía».
Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego a obra gañadora foi Desvelar o dispositivo: o río, a terra, a fábrica. Un achegamento ao potencial político da obra audiovisual de Carme Nogueira de Breogán Xague; na categoría de Mellor videoensaio sobre o audiovisual galego escolleuse o traballo Galicia, paisaxe de sangue de Juan Ares; e o recoñecemento como Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional foi para A gran imaxe non ten forma. Apuntamentos sobre a creación de símbolos identitarios de Victor Soho.
Nesta edición dúas obras foron recoñecidas con cadanseu accésit. Por unha banda Cinema con batuta. Aproximación á práctica da dirección orquestral a partir do seu tratamento no cinema de ficción de Severiano Casalderrey, na categoría de Mellor ensaio sobre audiovisual internacional, e Cold War: Unha historia de amor sintetizada de Rebeca Novo, na categoría de Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional.
Os traballos galardoados serán publicados na revista dixital de crítica literaria A Cuarta Parede.