Os Simpson terán un novo videoxogo no outono

xoves, 10 de maio do 2007 Marcus Fernández

A serie dos Simpson é un dos éxitos máis importantes da televisión mundial, e nestas datas, coincidindo coa celebración do seu episodio número 400 anuncian o lanzamento dun novo videoxogo da man de EA, que permitirá ó usuario meterse na amarela pel dos principais membros da familia catódica máis popular (mentres que no Hit & Run só se podía empregar o personaxe de Homer).
Para o novo xogo, os guionistas da serie involucráronse enormemente, describindo a acción no mesmo, incluíndo preto dunha hora de animación orixinal e realizando unhas 8.000 liñas de diálogos de xeito que o xogo se converte nunha auténtica extensión da serie televisiva (desenvolvéndose entre os arcos argumentais duns 16 episodios).
Entre as distintas historias que transcorren no videoxogo, Bart Simpson descubre que o Sr. Burns pretende cortar tódalas árbores de Springfield, o que o levará a converterse no superheroe Bartman, servindo como base a toda unha serie de acontecementos, mentres que o resto de personaxes (Homer, Lisa e Marge) tamén terán argumentos de seu.
The Simpsons estará baseado na serie televisiva (e non na película que se estreará no verán) e sairá no outono para PS3, PS2, PSP, Xbox 360, Nintendo Wii e Nintendo DS.
Velaquí unha demostración do funcionamento do futuro xogo:

PUBLICIDADE