Os Sims estrean xogo móbil

xoves, 8 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Por fin está dispoñible para a súa descarga de balde Los Sims Móvil, en versións para iOS e para Android, aplicación con compras integradas que leva o mundo dos Sims a smartphones dun xeito único, facilitando a creación de personaxes altamente personalizables, permitindo a creación de fogares moi completos (nos que pode personalizarse dende a distribución até o mobiliario) e facilitando o tecido de historias e relacións entre os distintos Sims, asignándolles profesións e animándoos facer amigos e incluso formar a súa propia familia. O xogo tamén permite organizar e asistir a festas con outros Sims, como un xeito de socializar.
Podemos considerar que esta é a versión definitiva dos Sims para móbiles, pois xa houbo xogos un tanto limitados no pasado, pero desta volta a experiencia que se ten difire principalmente da que podemos gozar no ordenador en que estamos ante un xogo free-to-play, ou sexa, ínstanos a gastar cartos para xogar dun xeito máis satisfactorio, seguindo así as tendencias actuais do xogo móbil. A aplicación tamén inclúe publicidade.

PUBLICIDADE