Os Transformers chegarán a Nintendo DS en dúas versións diferentes

venres, 22 de xuño do 2007 Marcus Fernández

O 4 de xullo chegará ós cines españois a película baseada nos Transformers (robots transformables que xa contaron con varias series de televisión) pero unha semana antes chegará ás tendas un xogo para Nintendo DS inspirado en tal título e que contrasta co resto de adaptacións (para PC, Xbox 360, Nintendo Wii, PSP, PS2, PS3) polo feito de que se venderá en dúas versións (como tamén se fixera inicialmente co xogo de Pokémon para Gameboy), permitindo tomar parte polos Autobots ou polos Decepticons, ou sexa, ser amigo ou inimigo dos humanos.
O xogo consiste basicamente e correr, conducir, disparar e loitar contra o outro bando (Autobots contra Decepticons e viceversa) podendo elixir entre 30 vehículos nos con converterse, de xeito que o resto do xogo dependerá desta decisión inicial. Haberá 2 robots exclusivos en cada versión do xogo, de xeito que os que merquen Transformers: Autobots poderán controlar a Bumblebee e a Optimus Prime, mentres que con Transformers: Decepticons se pode tomar o control de Brawl e Blackout.
A versión para DS do xogo tamén permitirá xogar en rede mediante Nintendo Wi-Fi, e os resultados acadados no xogo poden subirse na web de Spark Wars, de xeito que os xogadores van dominando distintos sectores de Allspark segundo os resultados diarios do xogo a xeito de guerra real.

PUBLICIDADE