Os Transformers en HD DVD convértense no título en alta definición máis vendido ata o momento

mércores, 24 de outubro do 2007 Marcus Fernández

Os feitos veñen a confirmar que no sector dos videoxogos son xogos os que fan que unha consola trunfe, e agora quedaría por demostrar se serán as películas as que levarán a imporse a un formato ou outro de discos de alta definición chamados a suceder ó DVD.
Polo momento parece que algúns títulos están a facer historia, e o HD DVD (promovido por empresas coma Microsoft, que permite incorporalo á súa consola Xbox 360) estaría lonxe de perder a guerra fronte o Blu-ray (incluído na PS3 de Sony), xa que a película Transformers vén de converterse na película en alta definición máis vendida na súa estrea nos EE.UU., con 100.000 copias na primeira semana e 190.000 en total, facéndoo o títulos máis vendida en formato HD DVD, destacando o feito de que máis do 20% dos mercadores da película accederon ós contidos web incluídos na mesma.
A película é todo un blockbuster, que xa vendeu 8,3 millóns de copias en DVD (4,5 millóns só no primeiro día) pero aínda que os novos formatos aínda non acaden esas cifras astronómicas están a demostrar que comezan a ter algo que dicir, aínda que polo momento só destaquen en películas con grandes efectos especiais (que son as máis beneficiadas da incorporación da alta definición).
Transformers véndese nos EE.UU. dende o pasado 16 de outubro e chegará a España o vindeiro 14 de novembro tanto en DVD como en HD DVD.