Os Xogos con Gold de febreiro apostan pola nostalxia

martes, 29 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Tras a sorprendente incorporación de Celeste entre os Xogos con Gold de xaneiro, Microsoft volverá a amosar músculo en febreiro cunha oferta de xogos para os subscritores de pagamento de Xbox LIVE máis que notable, por incluír xogos para Xbox One que entusiasmarán aos amantes do retro á vez que achega grandes títulos para Xbox 360 que en Xbox One poden xogarse grazas á retrocompatibilidade.
A partires do 1 de febreiro estará dispoñible Bloodstained: Curse of the Moon, un pequeno xogo nacido da campaña de micromecenado de Bloodstained: Ritual of the Night, que a xeito de precuela e con aire retro busca facer máis doado de levar a espera ao lanzamento do xogo principal, prevista para este mesmo ano. Lembremos que esta campaña superou os 5,5 millóns de dólares en recadación, e chegará como un herdeiro espiritual de Castlevania, con gráficos modernos e detallados, mentres que no seu anticipo temos que conformarnos con gráficos máis propios dunha consola de 16 bits, o que non deixa de ter o seu encanto.
O 16 de febreiro será o primeiro día no que poderemos descargar Super Bomberman R, xogo para Xbox One que recupera ao célebre Atomic Bomberman, que tanto éxito tivera nos salóns recreativos, e que nesta versión ten como curiosidade a presenza dun supersoldado Spartan-II que defenderá á humanidade da ameaza dos Covenant.
No caso dos xogos de Xbox 360 do mes de febreiro, o mes comezará con Assassin’s Creed Rogue, entrega que pon o peche á aventura norteamericana de Assassin’s Creed III e Assassin’s Creed IV: Black Flag; e para a segunda metade do mes teremos Star Wars Jedi Knight: Jedi Academy, todo un clásico de LucasArts que pertence á saga de Jedi Knight e permítenos seguir os pasos de Luke Skywalker na academia de cabaleiros Jedi.

Assassin’s Creed Rogue supuxo o adeus á aventura norteamericana da serie
Jedi Academy é todo un clásico de LucasArts que estará ao alcance dos subscritores de Xbox LIVE

Vídeo promocional dos Xogos con Gold de febreiro

PUBLICIDADE