Os axentes galegos de desenvolvemento local estrean blog e boletín dixital

luns, 30 de marzo do 2015 Redacción

AFIPRODEL-Galicia, asociación de profesionais do desenvolvemento local de ámbito galego con centro de operacións na Costa da Morte, vén de anunciar a posta en marcha dun blog de seu e máis dun boletín dixital de novas (co primeiro número dispoñíbel xa en PDF). Ámbalas achegas, sinala a entidade, subministrarán información e recursos á comunidade internauta galega dando a coñecer o labor que realiza o colectivo de axentes de emprego e desenvolvemento local da nosa terra. Segundo engaden dende AFIPRODEL, os grandes alicerces do boletín e do blog son sen dúbida a participación e o intercambio de fortalezas: os obxectivos fundamentais destas novidades dixitais.
Por este motivo, dende a asociación están a convidar xa á colaboración da nosa comunidade en liña, ben sexa en forma de información, ben sexa a xeito de comentario ou suxestión relacionada coa actividade dos profesionais do desenvolvemento local.
Por certo que o boletín será remitido por correo electrónico á rede de desenvolvedoras/es de Galicia, entidades e institucións relacionadas coa profesión, así como a quen se subscriba ao través do blog. Este, máis en detalle, preséntase con todo tipo de recursos sobre a actividade pasada, presente e futuro dos axentes que na nosa terra adican o seu traballo a mellorar económica, laboral, social e culturalmente os nosos núcleos de poboación, concellos e bisbarras. A información artéllase nos seguintes bloques: Novas, Boas prácticas, Ferramentas, Redes sociais, Boletíns e AFIPRODEL.

PUBLICIDADE