Os bicos entre mozos provocan críticas ó xogo máis polémico do ano

luns, 30 de outubro do 2006 Marcus Fernández

O xogo Grand Theft Auto: San Andreas tivera moitos problemas na súa comercialización por mor da aparición dunha modificación do mesmo coñecida coma Hot Coffee que permitía amosar escenas de sexo agochadas no videoxogo que forzou a recualificación do xogo como para maiores de idade, pero agora están a intentar que pase o mesmo co novo xogo de Take-Two Interactive, que en EE.UU. se coñece coma Bully, mentres que en Europa responde ó nome de Canis Canem Edit, que nun principio está recomendado para adolescentes (xa que as escenas de violencia durante o xogo non son suficientes como para prohibilo para menores de idade) pero que algúns queren que cambie a súa cualificación por certas posibilidades homosexuais durante o xogo.
Resulta que Canis Canem Edit consiste en tomar o papel dun estudante que pode gastar bromas, pelexarse, completar misións e ligar coas mozas, pero non ten unha tendencia sexual determinada, polo que o xogador, se o desexa, pode empregar as mesmas estratexias coas mozas que con determinados mozos, polo que na Internet xa descubriron a posibilidade de bicar a outros mozos, o que parece escandalizar a algúns moralistas, que a comparan con conflito anterior co GTA: San Andreas.
Os críticos co novo xogo de Take-Two sosteñen que non se advirte da posibilidade de bicos entre mozos (pois non se trata dunha característica oculta, como acontecía no GTA, senón que calquera usuario o pode facer sen problemas) pero dende a compañía responsable do xogo quitan ferro ó asunto e consideran que ese tipo de argumento non debe tomarse en consideración, xa que predican a tolerancia coas distintas tendencias sexuais, e a posibilidade da homosexualidade xuvenil non debería provocar a recualificación do seu xogo. Incluso lembran que outros xogos coma os Sims (ou a comunidade en liña Second Life) permiten as parellas do mesmo sexo sen que iso crease escándalo algún. Unha mágoa que moitos pais non o vexan así, e pretendan acudir ós tribunais para evitar a correcta comercialización dun xogo que nalgúns países xa conta co veto de distintas distribuidoras.

PUBLICIDADE