Os bloqueos a TikTok e WeChat non se fixeron efectivos onte

luns, 21 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Estaba previsto que as ordes executivas para bloquear TikTok e WeChat entrasen en vigor durante a xornada do domingo, pero finalmente non foi así por múltiples motivos. Por unha banda as medidas contra TikTok adíanse até o 27 de setembro en espera do que aconteza con tal aplicación e os seus acordos con Oracle e Walmart, que parecen satisfacer ao presidente Trump, pero que aínda estarían pendentes da aprobación das autoridades chineses.
O acordo presentado ante a Casa Branca consistiría na compra do 20% de TikTok por parte de Oracle e Walmart, levaría á creación dunha nova empresa chamada TikTok Global que ofrecería os servizos de TikTok a EE.UU. e boa parte do mundo empregando os servidores de Oracle para tal fin, e aseguran que a meirande parte do seu accionariado sería estadounidense, o que é unha verdade a medias, xa que o 80% da empresa pertencería á chinesa ByteDance, e o feito de que o 40% desa empresas sexa propiedade dun fondo de investimentos norteamericano non se traduce en control sobre a empresa, que seguiría estando en mans chinesas, de aí que resulte sorprendente que Trump amosase a súa satisfacción pola proposta de acordo. Ao longo da semana saberemos se as autoridades de EE.UU. e China aceptan esta operación que permitiría que TikTok continuase a operar nos EE.UU.
Por outra banda temos o caso de WeChat, que debería ter desaparecido das tendas de aplicacións estadounidenses onte, pero que non foi así por mor dunha orde da maxistrada Laurel Beeler, que atendendo a demandas dos usuarios de WeChat considera que as medidas contra WeChat poden atentar contra a Primeira Emenda, xa que a prohibición imposta suporía unha lesión á liberdade de expresión, especialmente ante a falta de canles de comunicación alternativas.
Actualmente WeChat ten 19 millóns de usuarios activos ao día nos EE.UU., que son maioritariamente estudantes chineses, americanos que viven na China ou americanos que teñen negocios ou relacións persoais con alguén en China, e a prohibición por unha potencial (e moi discutible) ameaza á seguridade nacional tería que estar mellor fundamentada antes de facer efectivas medidas que prexudicasen seriamente aos cidadáns impedíndolles a súa máis importante canle de comunicación coa China (onde lembremos que están prohibidos os servizos dependentes de Google e Facebook, ou sexa, que ferramentas como Gmail ou WhatsApp non funcionan no territorio chinés).
Aínda que dende España vexamos WeChat como unha alternativa a WhatsApp, realmente é moito máis, e tamén sería alternativa a Facebook, Instagram e incluso PayPal, converténdose en parte do día a día de boa parte dos chineses, de aí que a aplicación supere os 1.000 millóns de usuarios.
O avogado que defende aos usuarios de WeChat nos EE.U. argumenta que «os Estados Unidos nunca pecharon unha grande plataforma de comunicación, nin sequera en tempos de guerra. O bloqueo de WeChat ten serios problemas coa Primeira Emenda, que afecta á comunidade chinesoamericana».

PUBLICIDADE