Os candidatos ás alcaldías municipais galegas esquecen a accesibilidade das súas páxinas web

mércores, 9 de maio do 2007 Marcus Fernández

Coa chegada das eleccións municipais os políticos tenden a preocuparse de temas que noutro momento poderían pasar desapercibidos como a accesibilidade urbana, de xeito que coidan da eliminación das barreiras arquitectónicas, pero tal filosofía non se aplica ó mundo virtual se temos en conta unha análise realizada por Vieiros na que se miraron con lupa as webs dos candidatos ás alcaldías de Vigo, Ferrol e Ourense, que en tódolos casos ignorarían os estándares que garanten o acceso á información por parte de maiores e discapacitados.
Para analizar a accesibilidade das distintas webs empregouse o test TAW, que situou como web máis respectuosa cos problemas de accesibilidade á de Santi Domínguez (BNG, Vigo) que só tería 1 fallo de primeiro nivel e 4 de nivel 5, seguido por Francisco Rodríguez (PSdeG, Ourense) con 33 erros, Álex Sánchez Vidal (BNG, Ourense) con 59 erros, Abel Caballero (PSdeG, Vigo) con 60 erros, Enrique Nóvoa (PPdeG, Ourense), Corina Porro (PPdeG, Vigo) con 131 erros, Xoán Xosé Pita (BNG, Ferrol) con 129 erros, Vicente Irrisari (PSdeG, Ferrol) con 205 erros e Juan Juncal (PPdeG, Ferrol) con 318 erros.
Pese ó tirón de orellas que merecen os candidatos por non coidar a accesibilidade das súas webs, dende Vieiros tamén inciden no caso de que tódolos casos (agás ó do popular Juan Juncal) apostan polo galego nas súas páxinas web (de xeito exclusivo no caso dos candidatos nacionalistas).

PUBLICIDADE