Os cidadáns podemos conseguir o noso certificado dixital dende casa

luns, 5 de xuño do 2023 Marcus Fernández

Ante a convocatoria de Eleccións Xerais para o vindeiro 23 de xullo son moitos os cidadáns que queren solicitar o voto por correo, e para evitar ter que acudir dúas veces ás oficinas de Correos (unha para solicitar o voto e outra para entregalo) queren realizar a solicitude dende o fogar a través da Internet, para o que precisan dun DNI electrónico ou dun certificado dixital válido, o que en moitos casos tamén precisa desprazamentos para identificarse, por exemplo, nunha oficina da Seguridade Social, pero este trámite presencial pode agora evitarse grazas ao novo procedemento de obtención do certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre con identificación a través de vídeo.
Este novo procedemento é moi semellante ao tradicional, pero mudando o xeito de verificación da identidade do cidadán. Primeiramente hai que configurar o equipo informático que vaiamos utilizar para obter o certificado electrónico (precisa da instalación dun configurador e da aplicación de AutoFirma), logo debe solicitarse o certificado, e para poder descargar solicítase antes a acreditación de identidade, que agora pode facerse con video identificación, proceso co que hai que escanear co móbil un código QR que aparece en pantalla para iniciar un proceso de identificación no que haberá que rexistrar o DNI coa cámara do móbil, así como a propia cara do cidadán a xeito de proba de vida, material gráfico que será comprobado posteriormente, para poder aprobar a solicitude nun prazo máximo de 2 días hábiles.
Aínda que o certificado dixital é de balde, o procedemento de identificación mediante vídeo ten un custo de 2,99 euros + impostos.

Vídeo promocional do novo sistema de verificación de identidade da FNMT

PUBLICIDADE