Os cociñeiros de Paradores achegan as súas mellores receitas nunha nova web
martes, 7 de abril do 2009
Segundo recolle a Wikipedia, a rede de Paradores
Nacionais de Turismo, constitúe unha empresa estatal que busca aproveitar os
numerosos monumentos históricos e artísticos, así como os paraxes de gran
beleza que posúe España, “para situar uns
establecementos que permitan coñecer a variada riqueza cultural, artística,
histórica e paisaxística do noso país”.
O que non nos achega esta gran enciclopedia de contido libre
na Rede é que nos Paradores, a tradición nunca estivo disputada coas novas tecnoloxías,
e agora máis que nunca así o veñen de demostrar, ao lanzar unha nova web de dominio .tv, onde priman os
contidos audiovisuais.
En concreto, esta nova web ten por obxectivo recoller as
receitas favoritas dos chefs dos 93 Paradores que hai habilitados actualmente
en España, para poñelas ao servizo de todo aquel que queira seguilas por
Internet e intentar realizala na súa casa para sorprender aos seus convidados
(correndo o risco de estragar a cita).
A iniciativa consiste basicamente en que cada cociñeiro
protagoniza un vídeo de pouco máis de dous minutos de duración nos que ofrece
un dos seus platos tradicionais elaborado dacordo coa rexión na que se ubica o
establecemento que representa.
As primeiras 20 video-receitas inclúen platos como os lombos
de cervo de Guadalupe, o arroz con lebre do Parador de Soria, os fabóns á
sanabresa de Zamora, as patacas á rioxana de Calahorra, a paletilla de cordeiro
ao estilo Miróbriga de Ciudad Rodrigo, a menestra á rioxana do Parador Bernardo
de Fresneda ou un plato tan típico como a paella valenciana.
Polo de agora haberá que agardar a que as cámaras de
Parador.tv cheguen a Galicia para saber con qué prato nos sorprenderán os chefs
de cada un dos nosos establecementos pero seguramente non defraudarán ao
internauta.
