Os contidos de Clan (RTVE) dobraranse ao galego

venres, 31 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Durante a comisión de control de RTVE, o presidente da entidade, José Pablo López, anunciou diversas medidas para diversificar e enriquecer a programación, destacando a necesidade de reinventarse, especialmente por mor do descenso do consumo televisivo lineal infantil, que vai levar a que Clan inicie unha nova fase, paulatina, de transformación.
Aínda que a intención de RTVE é manter o espazo de programación de Clan, López salientou que van potenciar a presenza de Clan como marca dixital de contido, así como tamén realizarán unha aposta polo plurilingüismo, que comezará coa dobraxe de toda a súa programación ao catalán antes do que remate o ano, apuntando que a televisión pública ten que apostar polas linguas cooficiais, polo que o seu obxectivo é que todas a programación de Clan vaia estar dobrada tamén en éuscaro e galego.