Os contidos dixitais tamén foron protagonistas dunha gala dos Mestre Mateo marcada por Sirāt e Antes de nós
luns, 23 de marzo do 2026

- Gañadores dos XXIV Premios Mestre Mateo. Fotografía de Aigi Boga.
Este sábado 21 de marzo celebrouse en Lugo a gala dos XXIV Premios Mestre Mateo, na que as longametraxes de ficción Sirāt, de Oliver Laxe, e Antes de nós, de Ángeles Huerta, dous dos grandes éxitos do noso cinema, confirmaron que tamén teñen o recoñecemento da profesión e do sector da nosa terra ao acaparar boa parte dos premios principais.
A produción dirixida por Oliver Laxe fíxose co premio a Mellor Longametraxe, ademais de sumar os galardóns a Mellor Música Orixinal, para Kangding Ray, e Mellor Son, para Amanda Villavieja.
Pola súa banda, Antes de nós, dirixida por Ángeles Huerta, foi a produción máis premiada da gala ao acadar trece recoñecementos entre as categorías artísticas e técnicas, igualando así o récord histórico de Dhogs nos Mestre Mateo. A cineasta suma ademais o seu segundo galardón á Mellor Dirección. A produción destacou nunha noite de grande protagonismo feminino.
Entre os galardóns conseguidos por Antes de nós figuran os de dirección para Ángeles Huerta; guión para Pepe Coira; dirección de arte para Elia Robles; dirección de fotografía para Lucía C. Pan; dirección de produción a Lucía Caramelo; maquillaxe e peiteados para Chicha Blanco e Lorena Calvo; vestiario para Aránzazu Domínguez; e montaxe a Lucía Iglesias; así como os premios de interpretación, tanto protagonistas para Cris Iglesias e Xoán Fórneas, como de reparto. Precisamente nesta última categoría interpretativa produciuse un dos momentos máis inesperados da noite, cun premio ex aequo en interpretación feminina de reparto ás actrices Luisa Merelas e Victoria Teijeiro.
A gala deixou tamén instantes especialmente emotivos, como a entrega do premio a Mellor Interpretación Masculina de reparto a Miquel Ínsua por Antes de nós, falecido este ano, cuxa lembranza estivo moi presente durante o acto e converteu o momento nunha das homenaxes máis sentidas da noite.
No conxunto das categorías profesionais, a presenza feminina foi especialmente salientable: 11 dos 16 galardóns foron recollidos por mulleres, o que supón preto do 70 % dos premios, consolidando unha tendencia de crecente protagonismo feminino no sector audiovisual galego.
O evento, presentado por Trisha Fernández e Federico Pérez, celebrouse no Auditorio Fuxan os Ventos e contou coa presenza das principais autoridades locais e institucionais. Ademais, por terceiro ano Yolanda Díaz e o concelleiro de Cultura volveron a arroupar ao sector audiovisual galego. A gala contou co apoio de AGADIC - Xunta de Galicia, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Concellaría de Cultura do Concello de Lugo, e foi emitida pola Televisión de Galicia. A noite estivo tamén marcada polas actuacións musicais de Xabier Díaz e Mondra.
A presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, fixo un firme chamamento contra a guerra no seu discurso e reivindicando un claro “non ás guerras” desde o sector audiovisual. Veiga subliñou tamén a importancia da unión de todo o sector para fortalecer unha comunidade en constante crecemento e reivindicou o traballo das distintas asociacións profesionais na defensa dos dereitos e da cultura galega.
No ámbito televisivo, Weiss & Morales acadou o premio a Mellor Serie de Televisión, mentres que Bechos foi recoñecida como Mellor Serie Web.
Cos pés na terra fíxose co galardón a Mellor Programa.
Nas categorías de curtametraxes, Curmán, dirixido por Alejandro Jato, foi distinguida como Mellor Curtametraxe de Imaxe real, mentres que O corpo de Cristo, de Abano Producións e Uniko dirixido por Bea Lema, acadou o premio á Mellor Curtametraxe de Animación. O galardón a Mellor documental foi para 360 Curvas, dirixido por Alejandro Gándara, Ariadna Silva Fernández.
En canto ao resto de categorías, o premio a Mellor Videoclip foi para Hibernarse - O videofilme, producido por Fillas de Cassandra, e Ao noroeste do oeste, de Undodez e Medio Limón, foi recoñecido como Mellor Anuncio Publicitario.
O galardón a Mellor Comunicador foi para Xosé Ramón Gayoso por Luar, mentres que Marcos Nine obtivo o premio á Mellor Realización por Historias de aquí.
Outro dos momentos máis destacados da noite foi a entrega do Premio de Honra á tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo, en recoñecemento á súa traxectoria e contribución ao audiovisual galego.
