Os creadores de videoxogos ven de distintos xeitos a actual guerra de consolas

martes, 21 de agosto do 2007 Marcus Fernández

O vindeiro xoves comeza en Leipzig a feira europea do videoxogo máis importante, a Games Convention, que para quecer motores conta como preludio cunha conferencia para desenvolvedores, nas que os creadores de videoxogos se xuntan para compartir experiencias.
Na presente edición parece que hai un tema que preocupa á Industria, que é a guerra das consolas de nova xeración, aparecendo opinións discrepantes, e así, mentres Don Daglow, presidente de Stormfront Studios, defende que a Nintendo Wii debe considerarse dentro desta familia mentres que outros prefiren desbotar a esta consola fronte ás de alta definición (a Xbox 360 e a PS3) pese a que a de Nintendo está a ter unha mellor acollida por parte do público. Daglow considera que a Wii é de nova xeración porque abre “unha nova perspectiva” para o xogador despois de botar unha partida, e compara a innovación desta consola coas revolucións que achegaron xogos coma Sim City, Guitar Hero ou World of Warcraft.
Pero resulta moito máis radical a postura de Denis Dyack, o presidente de Silicon Knights, que se amosou moi contrario á actual guerra de consolas, de xeito que, como non hai ningunha vencedora, se están a repartir o mercado dun xeito moi semellante, o que fai moi complicado para os desenvolvedores a creación de xogos que sexan auténticos grandes éxitos. Dyack asegura que a Industria vai moito mellor cando hai unha consola dominante, e que a guerra debe estar nos xogos e non nas consolas, chegando a asegurar que nunha vindeira xeración desaparecerán as marcas de hardware e existirá unha plataforma unificada.
O conflito actual é unha especie de guerra santa para os partidarios de certas plataformas que só pretenden xustificar os cartos que gastaron na súa consola, mentres que a simplificación do mercado podería crear xogos mellores e máis baratos (xa que desenvolver para varias plataformas resulta excesivamente custoso e complicado).

PUBLICIDADE