Os enxeñeiros de Telecomunicación celebraron a XXX edición da súa Noite anual

xoves, 4 de xuño do 2026 S. P.

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) celebrou o pasado 29 de maio, no Museo de La Voz de Galicia, a XXX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Nesta convocatoria o lema escollido foi Defensa invisible, unha temática que pretendeu poñer en valor o papel esencial (e moitas veces descoñecido) que desempeñan as telecomunicacións na defensa e seguridade dun país.
O decano e presidente do COETG-AETG sinalou que foi unha boa oportunidade “para falar do que non se ve; das ondas que atravesan as nosas vidas sen que ninguén as perciba; do oficio silencioso que sostén un hospital, un banco, un voo, unha conversa; da soberanía dun país, que no século XXI xa non se mide só en territorio: mídese en espectro, en datos, en ciberseguridade, en talento”.
Engadiu que “foi tamén unha noite para poñerlle rostro a ese traballo invisible: aos premiados, aos patrocinadores, aos colexiados, e a todos os que cada día sosteñen, sen alardes, a infraestrutura sobre a que vivimos”.
O COETG-AETG entregou neste marco os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2026, que recoñecen a excelencia profesional, a innovación e a contribución social da enxeñaría de telecomunicación.
O Premio Enxeñeiro do Ano 2026 foi para Miguel Santos Fernández, director de tecnoloxía (CTO) de MasOrange.
O Premio Socio de Honra 2026 recaeu na Delegación de Defensa en Galicia, recollendo esta distinción o Delegado de Defensa e Capitán de Navío, Jesús Ángel Paz Pena.
Pola súa banda, o Premio AMTEGA ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2026 foi para o servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC), polo seu proxecto UMAX de rastrexabilidade física e asistencial.
Ademais, entregouse o Premio ao Mellor Expediente Académico do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, que nesta edición correspondeu a David Fernández Iglesias.