Os enxeñeiros de Telecomunicación poderán formarse en Big Data e seguridade en setembro

mércores, 2 de agosto do 2017 Redacción

A Asociación e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG-COETG) veñen de informar de que xa está aberto o prazo de matrícula para a participación en novos cursos en setembro, actividades a desenvolver en liña e da man de prestixiosos especialistas docentes. Trátase dun completo programa de obradoiros destinados a formar aos profesionais do sector (colexiados/asociados) nas cuestións TIC de meirande relevancia: información a gran escala e xeitos de sacarlle partido en múltiples ámbitos, ciberseguridade, informática xudicial, etc. Podemos consultar toda a información relativa aos talleres de setembro (e os que virán despois) na páxina de formación do COIT.
O primeiro dos obradoiros en celebrarse, á volta do verán, é o Curso On-Line de Hacking Ético e Técnicas de Hacking Avanzadas sobre Windows. Desenvólvese entre o 18 de setembro e o 12 de novembro e servirá, entre outras cousas, para introducirnos nas distintas técnicas que existen para realizar ataques aos diferentes sistemas informáticos, pasando por todas as fases dun test de intrusión.
O programa complétase co Curso On-Line de Big Data (a partir do 18 de setembro e centrado en achegarnos unha visión xeral e práctica das ferramentas de xestión de datos a gran escala, seleccionando como exemplos algunhas das máis referenciais co obxectivo de ilustrar os problemas, técnicas e métodos que se empregan neste eido) e co Curso On-Line de Adquisición, Análise e Presentación de Evidencias Dixitais (a partir do 25 de setembro e poñendo o foco en ilustrar aos alumnos sobre o traballo que se leva a cabo nos laboratorios de informática forense, empresas de seguridade ou departamentos de protección informática de bancos e outras entidades e firmas que manexen información delicada).

PUBLICIDADE