Os estudantes de galego de Londres lanzan a campaña anti-machista #homesconsaia
xoves, 26 de novembro do 2015
Os alumnos de galego do
centro IE Cañada Blanch de Londres están a achegar o seu gran de
area no marco das accións do Día Internacional Contra a Violencia
de Xénero (onte mércores 25) cunha valente e encomiábel campaña para desenvolver nas
redes sociais cuxo nome é un xeito de darlle á volta aos máis
rancios e anticuados roles establecidos de masculinidade:
#homesconsaia. A campaña, impulsada
tamén dende o blog Fala Londres (da Área de Galego do
devandito centro de ensino), rexistrou xa
case 800 reproducións no YouTube e acadou preto
de 5.000 seareiros en Facebook, amais dunha
importante repercusión en Twitter.
No vídeo que recolle a
iniciativa, as fotos de dez rapaces que levan posta unha saia e
amosan un cartel coa etiqueta #homesconsaia preceden á reflexión
que o actor e monologuista Carlos Blanco fixo sobre o machismo na súa
recente visita ao instituto londiniense xunto ao debuxante Luis
Davila O Bichero. Inspirados polas ideas de Blanco
(diametralmente opostas aos roles e conceptos tradicionais que
alentan a lacra do maltrato) e co gallo do Día Internacional Contra
a Violencia de Xénero, os alumnos de 3º da ESO matriculados en
Galego fotografáronse vestindo unha saia e facendo seu o lema
#homesconsaia.