Os estudos cinematográficos confían o seu futuro á tecnoloxía 3D

martes, 15 de abril do 2008 Marcus Fernández

Dreamworks estreará en 2009 a súa primeira película producida en 3D, Monsters vs. Aliens

Os estudos cinematográficos teñen que enfrontarse a unhas entradas de cine cada día máis caras, que non se corresponden cun incremento de público, pois os espectadores teñen cada día máis canles de consumo (solucións de cine en casa, películas baixo demanda, reprodutores portátiles...) que os disuaden de ir ao cine, polo que parecen ter atopado unha solución axeitada para poder xustificar un sobrecusto nas entradas: versións tridimensionais das películas.
O analista de Cowen & Co., Doug Creutz, considera que «está moi claro agora que se pode cargar un extra polas 3D» polo que a mellora na experiencia podería marcar a diferenza entre unha entrada de 10 dólares e outra de 15, de aí que Disney e Pixar xa anunciaron que estrearán todas as súas películas en 3D (comezando por Bolt en novembro) mentres que Dreamworks tamén estreará as súas películas en tres dimensións durante 2009, James Cameron tamén se apuntará a esta tecnoloxía con Avatar e George Lucas está a traballar na remasterización das películas de Star Wars en 3D.
Estas novas obras, pola contra do nefasto cine tridimensional dos anos 50, non distorsiona a imaxe e non produce dores de cabeza, e si achega un realismo e unha espectacularidade que non se pode obter fóra das salas de exhibición grazas a tecnoloxías coma RealD 3-D.
Como exemplo do atractivo do cine tridimensional, durante este ano nos EE.UU. se estreou un concerto en 3D de Hannah Montana (Miley Cyrus) para o que se cobraba unha entrada de 15 dólares, ou sexa, máis do dobre de prezo que unha película 2D, o que non impediu unha recadación de 65 millóns de dólares.
Agora, para o espallamento do cine 3D falta que se adapten as salas de exhibición, pois nos EE.UU. só 1.000 das 38.900 pantallas permiten esta tecnoloxía, e en España tamén resulta bastante anecdótica tal prestación audiovisual.

PUBLICIDADE