Os eurodeputados danlle o visto bo ó Imperium Civitas como ferramenta educativa

mércores, 12 de decembro do 2007 Raquel Noya

Por primeira vez, o órgano máis importante da Unión Europea, o Parlamento Europeo, vén de abrir as portas a unha iniciativa que, baixo o lema Aprende xogando coa Historia, quere amosar que os videoxogos (amais de divertir) poden ser eficaces ferramentas de transmisión de coñecementos e de estimulación para a aprendizaxe, especialmente entre os máis novos.
O videoxogo do que estamos a falar, o Imperium Civitas, é unha produción española (de FX Interactive) que vai encamiñado a conectar cos mozos e mozas que se están a formar como persoas, transmitíndolles unha serie de valores fundamentais “que toda persoa debe asimilar cando atravesa o seu período de formación”, como son “a responsabilidade, a capacidade de xestión e o respecto da lei”. Por certo que estes valores son adquiridos polo xogador ó tempo que se traslada ó Imperio Romano para ver cómo eran as súas cidades, a cultura e a sociedade desa poderosa civilización.
Os creadores de Imperium Civitas salientan a utilidade desta ferramenta para os mestres debido a que a súa tecnoloxía lles permite establecer unha comunicación máis fonda cos alumnos para superar barreiras espacio-temporais e facilitarlles os procesos de aprendizaxe individual e colaborativo.
O devandito videoxogo foi valorado positivamente por eurodeputados de Italia, España e Grecia, que participaron no acto compartindo opinións sobre esta iniciativa e destacando o carácter educativo e pedagóxico de Imperium Civitas.
Esta saga de videoxogos, que ten máis de 1.500.000 xogadores en todo o mundo, conta co aval de Institucións como o Museo Arqueolóxico de Madrid ou a Facultade de Xeografía e Historia da Universidade Complutense de Madrid, e hai pouco foi recoñecida polo Concello de Roma co Premio Marco Aurelio pola súa contribución á difusión da cultura romana.

PUBLICIDADE