Os internautas cualifican de censura a ameaza de bloqueo a YouTube dende a xustiza de Brasil
venres, 5 de xaneiro do 2007

- O vídeo de Cicarelli en YouTube
Estaba claro que máis tarde ou máis cedo ía
pasar: un famoso ou famosa especialmente afectado polo que considera unha
violación da súa privacidade no servizo de vídeos en liña YouTube acabaría por
denunciar a este espazo e, o que é case máis importante, poñer en serio risco a
súa supervivencia. Ademais, abriría de novo as portas para o
debate social a gran escala acerca do que é ou non a violación da
privacidade e traería consigo longas horas de discusión nos programas
televisivos de lercheo.
Dito doutro xeito: daría que falar, só polo feito de ser famoso/a. É o caso de
Adriana Cicarelli, ex esposa do futbolista Ronaldo e, a fin de contas, un novo
caso de persoa aldraxada polos usuarios de YouTube. En realidade, non hai día
en que o popular servizo de vídeos en liña deixe de verse nun brete semellante, pero (insistimos) o
que diferenza este caso é a popularidade do suxeito.
A isto hai que engadir a virulencia coa que vén de actuar un tribunal
brasileiro ó emitir unha orde para bloquear o acceso a YouTube, dado que os
responsables deste espazo non retiraron o vídeo (visto por milleiros de
internautas) no que a modelo aparecía co seu mozo nunha praia de Cádiz onde
facían (todo sexa dito) o que fan tódalas parellas de namorados no verán nas
praias, nin máis nin menos.
O vídeo foi emitido por vez primeira en Tele 5 e logo en diversas cadeas
brasileiras. Foi aí cando a parella iniciou accións legais, accións que non
foron tidas en conta por YouTube. O resultado desta enleada é, por así dicilo,
unha especie de liorta entre os internautas daquel país (por unha banda), que
defenden a liberdade de expresión na Rede e o libre acceso ós seus contidos e
(por outra banda) a xustiza brasileira e o avogado da parella, Rubens
Decoussau, quen afirma que o bloqueo de YouTube “é tecnicamente posible e que será cumprido polas empresas do país que
achegan conexión internacional de internet a Brasil”.
Mentres tanto, a comunidade internauta xa fala dun claro caso de censura. Sexa
como sexa, é moi probable que, como tódalas historias que van a dar ós circuítos
mediáticos de lercheo, o tema siga
dando que falar nos vindeiros días.
