Os internautas escollen as dez mellores e peores ideas da última década

martes, 14 de abril do 2009 Raquel Noya

Deixar de emitir Aquí hay tomate, non levar a Raul á Eurocopa, xuntar a Bebo Valdés e ao Cigala ou mandar calar a Chávez son algunhas das grandes ideas (atinadas ou non tanto) que se levaron a cabo no noso país nos últimos dez anos; os mesmos que vén de cumplir o Club de Creativos que, con motivo do seu aniversario, lanzou unha votación á Rede na que deixa nas mans dos internautas a elección das dez mellores e peores ideas da última década en España.
Ata o vindeiro 22 de abril, os internautas poderán votar entre quitar o servizo militar obrigatorio, legalizar o matrimonio homosexual ou inventarse un cantante ficticio e levalo a Eurovisión como as ideas máis xeniais da década, ou pola contra, escoller entre roubarlle a carteira ao campeón mundial dos 100 metros e sair correndo ou intentar poñerlle letra ao himno, como as peores.
A organización deste concurso dará a coñecer as mellores e peores ideas a xuízo dos españois o vindeiro 24 de abril, día no que por fin saberemos se investir en selos foi peor que a emisión de Operación Triunfo pola televisión.
Ata o de agora, as dúas mellores ideas da década que encabezan a listaxe son: “Quitar a mili” e “Investigar con células nai”, e as dúas peores (como non podía ser doutra maneira) son: “Apoiar a guerra de Irak” e o “Redondeo”, que non sabemos como se arreglan pero sempre é á alza e nunca lles chega a nada aos que o fan.
Outras grandes ideas candidatas a facerse co galardón son, contratar a Rafael Amargo para organizar o carnaval de Tenerife, facerlle ler a Urdaci unha carta de rectificación no telediario, tentar casar coa Duquesa de Alba, sen ministro de xustiza e ir de caza sen licenza ou convencer á xente de que precisa tomar L-Casei Inmunitas tódalas mañás.
Os resultados daranse a coñecer durante o certame anual de creatividade publicitaria que se celebrará en Madrid.

PUBLICIDADE