Os médicos comezan a pasar consulta en Second Life

venres, 9 de maio do 2008 Marcus Fernández

A Sociedade Española de Medicina Familiar e Comunitaria (semFYC) e a Coalición de Cidadáns con Enfermidades Crónicas colaboran na creación de La Isla de la Salud, un espazo virtual dentro de Second Life que nun principio serve para a publicación de paneis informativos sobre hábitos saudables e mesmo para realizar consultas gratuítas orientadas ao público mozo, que será atendido por dous doutores do Grupo de Atención ao Adolescente de semFYC durante 2 días á semana (os luns de 19:30 a 21:00 horas e os xoves de 22:30 a 24:00 horas).

Imaxe de La Isla de la Salud

O presidente de semFYC, Luis Aguilera, recoñece que os mozos acoden con pouca frecuencia ás súas consultas, en boa medida pola súa boa saúde, pero cómpre que coiden outros aspectos coma «condutas de risco que poden desenvolver no futuro un problema de saúde, coma é o consumo de substancias tóxicas ou o inicio non planificado de relacións sexuais».
Pola súa banda, a doutora Rosario Jiménez, coordinadora do Grupo de Atención ao Adolescente de semFYC pensa que «moitas veces o que precisan é un contorno de anonimato e confidencialidade para consultar dúbidas relacionadas co consumo de drogas, as relacións sexuais, etc. que non se atreven a preguntar na consulta tradicional».
Pero La Isla de la Salud non se limita a servir de consultorio virtual, senón que tamén consta dunha sala de xuntanzas na que se poden proxectar vídeos e presentacións, un auditorio para encontros abertos, unha aula cultural e paneis con consellos de saúde e educación sanitaria.
O vicepresidente de semFYC, José Antonio Prados, tamén anunciou que en breve incorporarán unha consulta para patoloxías crónicas, aínda que hai que destacar que as consultas virtuais non poden substituír ás tradicionais, aínda que o certo é que «o 75% dos diagnósticos se fan sen necesidade de exploración, só coa entrevista» segundo o doutor Prado.