Os negocios dixitais copan a segunda edición de ViaExterior

venres, 14 de setembro do 2018 Redacción

O Consorcio da Zona Franca de Vigo acolleu este venres o lanzamento da segunda edición da súa aceleradora para a internacionalización de PEME, a aceleradora ViaExterior. Segundo fixo saber o Consorcio, nesta segunda entrega “mellorouse o modelo de farase un enfoque moito máis práctico”, con asesoramento personalizado para cada empresa atendendo ao seu sector e modelo de negocio. De novo dáse a circunstancia de que as novas tecnoloxías seguen a copar boa parte dos proxectos participantes. O nexo común de todos eles é o seguinte: trátase de negocios dixitais e empresas con gran potencial de comercialización en liña dos sectores TIC, turismo e benestar. Estes e outros datos foron achegados por David Regades, que deu a benvida ás 20 PEME seleccionadas e ao equipo docente e de titores. Tal e como explicou, o programa de ViaExterior que empeza hoxe consistirá nunha primeira fase de seis meses de formación e tutelaxe até chegar a un foro de investimento que se celebrará no mes de marzo onde as empresas poderán captar recursos financeiros para dar o salto a novos mercados.
Tamén lembrou que as vinte empresas que participarán este ano pertencen sobre todo aos sectores TIC, turismo, saúde e benestar, que salientan por rexistrar altas taxas de crecemento de 2017 a 2018 e “contan cun forte potencial de comercialización en liña ou están enfocadas no negocio dixital”.
En ViaExterior, entre os meses de setembro e marzo, as participantes elaborarán o seu plan de internacionalización, para o que contarán con 20 horas de formación especializada e co acompañamento dun titor que lles guiará no desenvolvemento da súa estratexia internacional.
O primeiro obradoiro celebrado esta mesma tarde centrouse na Conxuntura económica mundial e como debe incorporarse a un plan de internacionalización a análise da situación económica dos mercados destino. A sesión estivo impartida por Mario Weitz, macroeconomista de referencia e consultor do Banco Mundial e da Comisión Europea e profesor de ESIC.
A listaxe de empresas seleccionadas é a seguinte: Beimar Suppliers SL, Beta Implants, Blim Manufacturing S.L., Bluscus - Turismo Mariñeiro, Bran Serigrafic SL, Colibri Scooters, S.L., Desarrollo Diseño & Styling S.L, Dieta Coherente. Amad Promoción de Salud S.L, Galicia Rural Alimenta S.L., Galiwonders S.L, Gift Carding S.L, Imatia Innovation, S.L., Inercial Performance, International Hypopressive and Physical Therapy Institute S.L,, IOS S.L.U, Mar Ceibe, S.L., Ozoaqua S.L, Photon Platinum Products and Services S.L., Tokapp Online, S.L. e Used World Parts S.L.

PUBLICIDADE