Os novos xogos de Pokémon superan o millón de unidades vendidas en Europa

mércores, 16 de marzo do 2011 Marcus Fernández

O éxito da franquía Pokémon é indiscutible, e as súas últimas entregas, tras ter unha impresionante acollida en Reino Unido, EE.UU. e Xapón (neste último mercado superou os 5 millóns de unidades vendidas), confirman agora que as edicións Blanca e Negra de Pokémon para Nintendo DS superaron o millón de unidades vendidas en Europa en só 10 días.
En total habería uns 35 millóns de copias de xogos desta saga en toda Europa, polo que estariamos ante un volume de vendas que sitúa a esta franquía entre as de mellores vendas no catálogo de Nintendo e, en consecuencia, dos videoxogos en xeral.
Amais, o vindeiro día 30 botará a andar o Pokémon Global Link, páxina web que permitirá que os usuarios das últimas entregas de Pokémon que creen unha conta no Club de Adestradores Pokémon poidan levar os seus Pokémon a un Dream World no que interactuar con outros xogadores, decorar a casa e coñecer novos Pokémon, así como realizar un seguimento dos puntos cualificatorios de xogadores de todo o mundo, ou sexa, que será posible participar en combates contra rivais de todo o mundo, rexistrándose o resultado das partidas para coñecer a cualificación global acadada.
Os interesados en coñecer máis desta nova entrega de Pokémon poden ler unha interesante entrevista entre o presidente de Nintendo, Satoru Iwata, e varios responsables do xogo (Tsunekazu Ishihara, Junichi Masuda e Ken Sugimori).

Iwata falando con varios responsables das últimas entregas de Pokémon