Os parques naturais galegos completan a súa dixitalización

luns, 21 de xaneiro do 2019 Redacción

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a AMTEGA veñen de completar a dixitalización de cinco parques naturais galegos, o Parque Nacional das IIlas Atlánticas e catro aulas da natureza. En total, son os 10 espazos que xa están dotados con solucións tecnolóxicas innovadoras para facilitar aos visitantes o acceso información sobre rutas, servizos, patrimonio, flora e fauna de cada parque ou aula dun xeito lúdico e atractivo.
Xa se completou a instalación e posta en funcionamento da cartalería e os contidos dixitais no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, no Complexo Dunar de Corrubedo, o Invernadeiro, a Serra da Enciña da Lastra, a Baixa Limia-Serra do Xurés e Monte Aloia e as catro aulas da natureza que ofrecen información sobre os servizos, rutas, flora e fauna de cada parque e aula da natureza dun xeito más atractivo, lúdico e en soportes audiovisuais e interactivos. En breve as Fragas do Eume sumarase a esta iniciativa de dixitalización.
Unha plataforma de contidos permite que cada parque xestione a súa información que se proxecta ben a través de videowalls, pantallas informativas ou mesas interactivas. A distribución deste equipamento realizouse en base a un estudo previo de necesidades e posibilidades de cada un dos espazos naturais contemplados no proxecto, que inclúe, tamén, solucións de realidade aumentada ou gafas de realidade virtual.
Ademais, estes contidos serán accesibles desde outras canles como o portal Galicia Natural e Única e a aplicación dos parques. No marco deste proxecto, tanto a web como a app ofrecen xa novas versións. O novo portal ampliou os seus contidos incluíndo información de todos os parques, reservas da biosfera e catro espazos naturais de Galicia baixo a etiqueta espazos imán.
A aplicación dos parques naturais de Galicia, dispoñible en IOS e Android, posibilita o selado dixital do Pasaporte Natural ao activar a localización do dispositivo móbil cando se visitan os parques. Coa nova app de Galicia Natural e Única lévase a cada dispositivo móbil unha nova experiencia para gozar plenamente en primeira persoa a experiencia de visitar os espazos imán, identificados no Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, que son os parques galegos así como o monumento natural da Praia das Catedrais, as zonas de especial protección dos valores de Carnota- Monte Pindo, Canóns do Sil; as Reservas da Biosfera de Terras do Miño, Área de Allariz, Os Ancares lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, o Río Eo, Oscos e Terras de Burón; a Reserva Transfronteiriza Gerés- Xurés, as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e a Serra do Courel.

Pasaporte dixital con premio

A Xunta de Galicia defende que coñecer o patrimonio natural que atesouran os parques galegos son unha das mellores ferramentas para asegurar a súa conservación. Nese sentido, quere premiar o esforzos dos visitantes que se achegan aos parques galegos; polo que se darán tres premios ás tres primeiras persoas que completen o pasaporte dixital.
O galardón consistirá nunha experiencia natural a elixir entre as distintas actividades ecoturísticas e aloxamento nos parques naturais de Galicia, unha oferta extensa e variada que ofrece, aloxamentos de turismo rural, experiencias de restauración, visitas guiadas, rutas fotográficas ou ornitolóxicas, actividades que combinan o deporte e o turismo, a través do senderismo, ciclismo, equitación ou ben saídas en barco, kaiak, paddle surf ou paddleboard; ademais de visitas a covas, aldeas ou adegas. Estas experiencias ecoturísticas poden coñecerse en profundidade vía web.

PUBLICIDADE