Os partidos de fútbol poderían televisarse coa intervención dun único técnico
venres, 9 de setembro do 2016
Estes días celebrouse o Foro Económico do FesTVal en
Vitoria-Gasteiz, onde Tatxo Benet
de Mediapro realizou un anuncio bastante prometedor no que se refire ao futuro
audiovisual das retransmisións deportivas: “desenvolvimos
un equipo autosuficiente para gravar partidos e só é preciso un técnico”.
Non entrou en detalles, pero pensar que será posible equipar os estadios de
fútbol coa tecnoloxía suficiente como para que un único profesional sirva para
operar unha retransmisión televisiva dun encontro deportivo pode supor un
grande cambio de cara á popularización das retransmisións ao reducir
considerablemente o seu custo.
Benet tamén realizou interesantes reflexións sobre os dereitos deportivos, que
nos últimos anos viviron duras loitas pola súa contratación, destacando que
este ano foi a primeira vez en moito tempo na que non houbo guerra polo
fútbol, o que consideran que foi posible grazas á entrada en vigor do sistema
de venda centralizada de La Liga.
Aínda que as compañías están a facer importantes desembolsos económicos polos
dereitos deportivos, o socio de Mediapro atreveuse a asegurar que non existe burbulla no fútbol, senón que
simplemente hai moita demanda (o que dispara o prezo).
