Os piratas volven dende o alén en Davy x Jones

luns, 26 de maio do 2025 Redacción

O estudio de videoxogos polaco Parasight, creadores de Blacktail, presenta Davy x Jones, unha aventura de acción en primeira persoa que reinventa o mito de Davy Jones cunha mestura de combate trepidante, ambientación surrealista e narrativa insólita.
Neste xogo, os xogadores toman o control do corpo sen cabeza do lendario pirata Jones, mentres a súa caveira, teimuda e faladora, fai de guía e compañeira inseparable. Traizoado, saqueado e decapitado, Jones esperta no Cofre, un inferno pirata formado por illas flotantes sobre un mar de nubes. A súa misión: recuperar os artefactos lendarios e vingarse do seu eterno inimigo: Barbanegra.
A proposta destaca por ofrecer unha mecánica singular onde corpo e cabeza funcionan por separado pero en colaboración.O combate é en primeira persoa e mestura loita corpo a corpo, disparos e o uso do propio cranio falador como ferramenta e arma. Os inimigos derrotados deixan tras de si esencia volátil que, ao combinarse, pode xerar recompensas valiosas ou desencadear novas ameazas. A evolución do protagonista culmina cun destino inevitable: converterse no propio demo para fuxir do Cofre.
Polo momento non se coñece a data de lanzamento deste título que xa conta con ficha en Steam para que os interesados poidan engadilo á súa listaxe de desexos. Aínda que só están a promocionar a versión para PC, está previsto que o xogo tamén chegue a consolas.

Tráiler de Davy x Jones