Os polos de emprendemento atenderon xa 6.000 proxectos
mércores, 1 de abril do 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo de relevo este martes 1 de abril os máis de 6.000 proxectos atendidos pola Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego e as preto de 580 empresas que se teñen creado en toda Galicia grazas ao labor experto e gratuíto de asesoramento que proporciona esta ferramenta autonómica de apoio.
Así o dixo co gallo dun encontro de traballo que mantivo co persoal técnico da Rede, no que estivo acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e no que destacou os Polos “como un dos eixes clave no marco da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio que se está a ultimar da man de todo o ecosistema emprendedor galego”.
Aproveitando a reunión que se celebrou no Centro de Orientación ao Emprendemento, o conselleiro agradeceu o traballo e implicación das técnicas e técnicos dos 15 Polos repartidos por todo o territorio, “referentes polo seu contacto directo coas mulleres e homes emprendedores de Galicia”.
Sinalou que entre as iniciativas empresariais que teñen atendido predominan os servizos (17 %), seguidos do comercio (16 %) e da hostalaría (15 %). Tamén que coas persoas emprendedoras que se achegaron á Rede se realizaron máis de 18.100 titorías e organizáronse unhas 2.000 actividades entre reunións con entidades do territorio e eventos.
Engadiu que os Polos de Emprendemento serán un dos sete eixes clave da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, unha folla de ruta que nace da designación de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025. En concreto, os Polos “potenciaranse como antenas que detecten necesidades, conecten coas oportunidades locais e orienten os proxectos cara aos recursos e programas máis adecuados”, sinalou, engadindo que haberá unha oficina dixital única e equipos itinerantes que levarán o apoio ás zonas máis pequenas e rurais, ademais dun mapa de especialización comarcal que identificará os sectores tractores de cada zona, permitindo deseñar proxectos con impacto no territorio.
Sobre os outros seis eixes da futura Estratexia, José González referiuse á Rede Ultreia de colaboración público-privada impulsada o pasado novembro no congreso do mesmo nome que suma xa unhas 70 adhesións, co fin de compartir recursos e xerar sinerxías no eido do emprendemento. Contará cun mapa colaborativo con todos os axentes, cun catálogo dixital de servizos, axendas comarcais, encontros sectoriais e co Observatorio Galego do Emprendemento.
Tamén aludiu á necesidade de atallar a remuda xeracional no emprendemento, cunha bolsa de negocios en traspaso e un escaparate dixital, cun programa de sucesión empresarial para acompañar as persoas cedentes e sucesoras e co apoio económico do Bono Remuda.
No relativo á atracción de talento emprendedor retornado, promoveranse itinerarios integrais de apoio, formación e asesoramento; incentivos para cubrir gastos de posta en marcha de negocios, equipamento, alugueiro de locais e servizos de conciliación e mobilidade; e unha rede de embaixadores e comunidades de retornados que conecten as persoas galegas co tecido local.
